Manifesto B9

Levamos historias moi distintas en como chegáramos a vivir na nave do B9. Mais compartimos unha experiencia fundamental. Por ser negrx, nin os propietarios nin o estado nos querían alugar un piso ou dar un contrato de traballo. Dito doutro xeito: O racismo institucional púxonos no lugar onde nos quere ter, facendo o traballo máis duro sen dereitos laborais e sen ter acceso ao ben máis básico que este estado produce, a vivenda. Hai diferentes manifestacións do racismo institucional no ámbito da vivenda. Pode pasar que unha vez que un propietario escoita o teu acento polo teléfono, ve a túa cara ou sabe onde naceches, unha vivenda xa non está dispoñible. Ou de súpeto pide depósitos absurdos que non podes pagar. Ou un contrato de traballo que non podes ter porque non tes papeis. Aínda que hai moitas formas en que o racismo institucional opera, de xeito visíbel e agochada, a conclusión é simple. Se es negrx non tes acceso á vivenda, a necesidade humana máis básica para soster e construír a túa vida.

O desaloxo do B9 mostrou o racismo institucional do xeito máis violento, urxente e evidente. Pero afecta e sempre afectou a todos os ámbitos da vida e da sociedade. Unha persoa Africana que chega a Cataluña normalmente ten dúas opcións: Se tes papeis, podes traballar no campo en Lleida recollendo froita baixo condicións inhumanas. E se non tes papeis o único traballo legal que podes facer é recoller material de valor no lixo. Nestas condicións de traballo, non tes dereitos. Se estas doente ou feridx, tes que seguir traballando. Todxs do B9 se teñen dedicado a unha profesión digna antes, sexan pescadorxs, profes, carpinteirxs, fontaneirxs, conductorxs, artistxs, xogadorxs de fútbol e decímolo con toda honestidade, policías. Aquí o estado non deixa que aplicamos as nosas habilidades, non quere que teñamos unha ocupación digna, que podamos ser humanxs. Quérenos nunha posición onde facemos o traballo máis duro sen ter acceso ás necesidades máis básicas. Tamén nos quere sen información, criminalizadxs e desconectadxs dos movementos políticos para non deixar que loitemos contra esta opresión. Os servizos sociais do estado non proporcionan información. Non te explican que tes que facer para te regularizar e que dereitos tes. Aínda se sabes como regularizarse, fanche perder o teu tempo por moitos anos en loitas burocráticas e moitas veces ao final non funciona. Se tentas empadroarte sen domicilio fixo, dinche que van vir para comprobalo e nunca veñen. Ás veces borran o teu padrón sen te informar. E ao final quérenche explicar que cometeches ti o erro, e quérenche culpabilizar.

Pero nós temos claro quen é culpable. O racismo institucional non é unha falla do sistema ou un problema máis para xestionar. É a base dun estado e unha sociedade que precisa do racismo para xustificar e construír a opresión e desigualdade. Está deseñado de maneira consciente e racional para manter a orde colonial e imperialista. É a maneira na que o estado clasifica quen está considerado humano e quen non.

Para poder loitar e auto-defendernos contra este sistema, temos que nos apoiar mutuamente. Pedimos a todas as comunidades organizadas que tomen responsabilidade en apoiarnos para cubrir as nosas necesidades básicas. Hai moitas persoas máis aló do B9 que poderían ser compañeirxs de loita pero non o son porque se enfrontan a unha precariedade urxente. Para poder loitar conxuntamente temos que desenvolver as redes para asegurar que todxs teñan as súas necesidades máis básicas cubertas. Isto é un primeiro paso para podernos defender contra o sistema racista que nos quere caladxs e incapaces de expresar as nosas experiencias contra a opresión.